Participantes na «Xornada de humor inocente»

23 Dec, 2017

Tags: ilustración coruñesa, humor gráfico, actividades, charlas, mesas redondas

 

Repasamos brevemente as traxectorias dos participantes na Xornada de humor inocente, que terá lugar no Centro Ágora (lugar da Gramela, 17, 15010 A Coruña) o próximo día 28, a partir das 18:00, dentro das actividades paralelas da exposición Desde Coruña con humor. A entrada é libre e gratuíta. Máis información sobre a xornada, aquí.

 

Siro López, por Alberte Peiteavel

Siro López

Comezou a publicar debuxo de humor na revista Chan en 1970. Colaborou con debuxo de humor e caricaturas nos xornais Ferrol Diario, El Ideal Gallego, La Región, El Norte de Galicia e La Voz de Galicia. En 1985 entrou a formar parte deste último, no que traballou ata a xubilación en 2006. É autor de numerosos álbums de humor gráfico e caricatura, como Os pecados capitales (1977), Coas raíces na Terra (1980), Debuxos de humor (1985), 16 anos de Parlamento Galego (1998) e A Autonomía Galega nas caricaturas de Siro (2009).

Impartirá a conferencia «Ética e humor».

Máis información sobre Siro, aquí.

 

Manel Fontdevila, por Mutari

Manel Fontdevila

Autor de BD e humorista gráfico, leva colaborando en prensa desde 1982, en xornais como Público e eldiario.es. Ten publicado varios libros de cómic, e en 2003 obtivo o premio á mellor obra no Salón do Cómic de Barcelona. En 1995 comezou a traballar para o semanario El Jueves; co-autor dunha portada pola que foi condenado cunha multa por «inxurias á Coroa» en 2007, anos despois a propia revista censurou outra portada súa relativa á monarquía, o que o levou a deixar a cabeceira. Foi co-fundador da revista satírica dixital Orgullo y Satisfacción.

Impartirá a charla «Os límites do humor» e participará na mesa redonda «Sorrisos e bágoas: o humor do século XXI».

Máis información sobre Manel Fontdevila, aquí.

Santy Gutiérrez, por Alberte Peiteavel

Santy Gutiérrez

Entre outros galardóns, gañou o primeiro premio J&B Joven y Brillante de Humor Gráfico en 2001. Desde 1993 vén publicando regularmente humor gráfico en múltiples cabeceiras, como La Opinión de A Coruña, El Progreso ou Atlántico Diario. Ten cultivado tamén a banda deseñada, como as súas páxinas de cómic de humor para a revista Míster K, editada a mediados da década dos 2000 por El Jueves para público infantil e xuvenil.

Participará na mesa redonda «Sorrisos e bágoas: o humor do século XXI».

Máis información sobre Santy Gutiérrez, aquí.

 

 

Leandro Barea

 

 

Leandro Barea

Durante anos foi colaborador diario do xornal La Voz de Galicia con humor gráfico e ilustración, e colaborou varios anos tamén na revista satírica El Jueves. As súas obras teñen aparecido ademais en publicacións como Rockdelux, Mongolia, TMEO ou Míster K, e actualmente realiza ilustracións para publicacións como TintaLibre e Luzes, ademais de dedicar moita atención ás redes sociais como medio de difusión.

Participará na mesa redonda «Sorrisos e bágoas: o humor do século XXI».

Máis información sobre Leandro Barea, aquí.

 

 

Nieves Rodríguez

Nieves Rodríguez

Comunicadora e actriz. Conduce o primeiro programa de radio en galego dedicado integramente ao cómic, Metrópoles delirantes. Ademais, é co-fundadora e fai parte da organización de Fun Fun Fun, evento de autoedición que se desenvolve cada ano en Santiago de Compostela. 
 
Será a encargada de moderar a mesa redonda «Sorrisos e bágoas: o humor do século XXI».
 
Máis información sobre Metrópoles delirantes, aquí.