(Resumo do texto publicado no ‘Nuevo libro blanco de la ilustración gráfica en España’ [FADIP, 2012],
baseado na ‘
Guide to Commissioning’ da AOI)

Para contactar co ilustrador

  • Comprobe a dispoñibilidade do ilustrador para asumir un novo encargo.
  • Especifique cales son os seus prazos, ademais dalgúns detalles do traballo.
  • Se a chamada se basea en ter visto un traballo seu en concreto, dígallo, xa que lle permitirá comprender mellor que é o que está a buscar exactamente.

Para describir a ilustración que necesita

  • O ilustrador precisará información técnica (tamaño de impresión, se é en cor ou branco e negro, o espazo para a tipografía etc.).
  • Se é necesario, sexa específico acerca dos medios de execución se un ilustrador traballa en diversos estilos.
  • Se necesita unha imaxe concreta, comuníquello coa maior precisión posible ao ilustrador, para reducir ao mínimo a posibilidade de interpretacións erróneas. Tamén axudará calquera material visual que se poida proporcionar para este fin.
  • Indique se o proxecto está aberto á interpretación do ilustrador. Defina todas as restricións existentes desde o principio. Se rexeita algún bosquexo, asegúrese de comunicarlle as razóns do rexeitamento, xunto coas suxestións para melloralo. O ilustrador pode esixir o pagamento dun prezo adicional se se solicita un número de bosquexos maior do previsto orixinalmente.
  • Marque a data límite para o traballo finalizado e para a entrega de bosquexos. Déalle tamén unha indicación do tempo necesario para a aprobación dos bosquexos. Os días de espera pola aprobación dun debuxo poden afectar seriamente ao tempo asignado para a execución da obra acabada.

Para solicitar unha reunión

  • Considere o propósito dunha reunión cun ilustrador e teña en conta que facilmente podería facerlle perder a este un día de traballo. Polo xeral, os proxectos, as mostras do portafolios e outro material visual poden comunicarse de xeito máis eficiente a través de transmisión electrónica.
  • Na organización dunha reunión entre o artista e o cliente asegúrese de que o ilustrador está informado do que se espera da súa presenza (presentar o seu portafolios, falar sobre ideas etc.).
  • Se se necesita máis dunha reunión para o traballo, o ilustrador pode cobrar ese tempo como gastos adicionais.

Para pedir un orzamento

  • Dado que a ilustración se presuposta de acordo cos usos que se lle van a dar, para chegar a un prezo o ilustrador necesita detalles de como e onde se vai utilizar a obra terminada, e durante que período de tempo se vai utilizar. En caso de que se prevexan diferentes usos, ou distintos territorios, o ilustrador necesita saber:

— unha lista de usos previstos (folletos publicitarios, anuncios en prensa, no punto de venda etc.);

— área de uso (zonas do mundo ou unha lista de países individuais);

— período de uso; polo xeral de 1-2 anos para traballos de publicidade e deseño.

  • Se vostede ten un orzamento específico, aforra moito tempo e enerxía comunicalo por adiantado. O ilustrador pode responder se pode ou non traballar polo prezo previsto. Non ofreza ao ilustrador menos do que o seu presuposto lle permita. Existe un deterioro real nas tarifas, que está a facer da ilustración unha profesión cada vez máis difícil de soster.
  • Non espere un orzamento inmediato dun ilustrador para un traballo. Os encargos a miúdo son moi complexos e o ilustrador necesita algún tempo para considerar os diversos aspectos. As asociacións aconsellan aos seus membros evitar dar cifras aproximadas por teléfono.
  • É razoable que o ilustrador pida presuposto adicional para os gastos necesarios que se saian do habitual, como pode ser ter que viaxar a un lugar específico. Do mesmo modo, pode pedir unha tarifa especial por rapidez, se o traballo se precisa nun período de tempo inusualmente curto.

Documentación

  • É do interese tanto do cliente como do ilustrador que exista a debida documentación por escrito das obras por encargo, co uso dun contrato de cesión ou un formulario de aceptación do encargo que detalle todas as condicións acordadas.
  • Evite pedir a un ilustrador que asine un contrato que asigne a cesión de todos os dereitos de autor en exclusiva ao cliente sen antes acordar un prezo para tales usos.
  • Na gran maioría dos casos, unha cesión parcial (licenza) é a forma máis adecuada de outorgar ao cliente os dereitos que necesita. O ilustrador mantén os dereitos de autor e outorga ao cliente unha cesión apropiada para o encargo. O contrato especificará o período de uso, o territorio e o tempo, e a exclusividade nesas condicións para o cliente durante o tempo especificado.

Se o traballo se rexeita ou se cancela

  • Calquera problema detectado no estilo ou no contido da obra debe ser transmitido ao ilustrador o máis rápido posible.
  • Se non está satisfeito coa calidade da obra (é dicir, está moi lonxe da calidade que se ve nas mostras do ilustrador) e ten que rexeitalo, teña en conta que o ilustrador estará no seu dereito de aplicar unha porcentaxe ao prezo acordado inicialmente, que variará do estado en que estea a realización do traballo no momento do rexeitamento. Ditas porcentaxes deberán ser pactadas previamente co ilustrador coas demais condicións do encargo.
  • Se o encargo se cancela por causas alleas ao ilustrador, igualmente o ilustrador poderá cobrar unha porcentaxe (que deberá pactar tamén co resto de condicións) sobre o prezo acordado; non obstante, o ilustrador poderá esixir a totalidade do prezo en caso de que a cancelación sexa á entrega do traballo terminado.

A obra finalizada

  • Hoxe en día, o traballo final pode entregarse de múltiples formas. Asegúrese de lle transmitir ao ilustrador o seu método preferido de entrega e confirme a recepción cun simple correo electrónico ou unha chamada.
  • Se se requiren alteracións, o ilustrador pode cobrar unha tarifa extra por facer cambios significativos que non estaban no proxecto orixinal; porén, o ilustrador non cobrará un prezo adicional polas alteracións que sexan culpa súa, nin por alteracións insignificantes.
  • Salvo acordo en contra, o orixinal pertence ao ilustrador. Asegúrese de devolverllo en perfectas condicións.