O 28 de decembro, charlas e mesas redondas sobre humor gráfico

Xornada de humor inocente

Os actos terán lugar no Centro Ágora

22 Dec, 2017

Tags: ilustración coruñesa, humor gráfico, actividades, charlas, mesas redondas

Cartel da «Xornada de humor inocente»

O programa de actividades paralelas da exposición Desde Coruña con humor —que pode visitarse aínda ata o 31 de xaneiro— ten unha nova cita cunha serie de charlas e faladoiros o 28 de decembro, baixo o título de «Xornada de humor inocente». A partir das 18:00 na aula 9 do Centro Ágora (lugar da Gramela, 17, 15010 A Coruña) sucederanse intervencións de moi destacados persoeiros do humor gráfico galego e estatal.

Así, abrirá a xornada a conferencia «Ética e humor», impartida polo veterano humorista gráfico, debuxante e pintor Siro López. Seguirá, a partir das 19:00, a charla titulada «Os límites do humor», a cargo do debuxante e humorista catalán Manel Fontdevila —colaborador de numerosos medios, como Público, eldiario.es e Orgullo y Satisfacción, e tamén durante moitos anos da revista El Jueves, na que foi co-autor dunha portada pola que foi condenado a unha multa por «inxurias á Coroa» en 2007—. Finalmente, ás 20:30, Fontdevila e mais os humoristas gráficos galegos Santy Gutiérrez (habitual en cabeceiras como La Opinión de A Coruña ou El Progreso) e Leandro Barea (que colaborou varios anos en La Voz de Galicia e El Jueves e agora é un dos máis populares humoristas da rede) participarán na mesa redonda «Sorrisos e bágoas: o humor do século XXI», moderados pola xornalista Nieves Rodríguez.

Como ocorre co resto das actividades do programa, a entrada á xornada é libre e gratuíta.

Máis información sobre os participantes, aquí.