Coruña Gráfica é un proxecto de Demo Editorial desenvolvido co apoio do Concello da Coruña. As súas dúas finalidades —o censo de autores profesionais locais do sector gráfico da ilustración e a súa promoción laboral— teñen en conta o rico panorama existente na actualidade e a necesidade de potenciar a creación e os servizos dos nosos autores nun contexto de auxe artístico que contrasta co detrimento do escenario laboral.

O proxecto viu a luz en xaneiro de 2016 como unha publicación en formato libro, que incluíu 60 autores e autoras. As premisas para sentar as bases da convocatoria foron que os participantes nacesen na Coruña ou na súa área metropolitana ou ben tivesen unha forte vinculación con ela por residiren ou traballaren nela, e que contasen con experiencia profesional ou unha mínima bagaxe certificada con obras publicadas, premios ou a propia calidade dos seus traballos. Deste xeito, o proxecto reuniu diversas xeracións que nalgún caso levan exercendo a profesión na cidade desde a década dos anos setenta do pasado século, e constitúe unha boa proba tamén da diversidade de estilos que o panorama local ofrece.

Na guía quixemos facer constar tamén, a modo introdutorio, unha serie de breves artigos que apuntan notas sobre a evolución profesional do sector gráfico da ilustración local desde os inicios do século XX. Esta retrospectiva percorre a evolución desde os primeiros traballos de ilustración editorial realizados nas primeiras grandes imprentas coruñesas, pasando polos pioneiros da banda deseñada galega na década dos setenta e, xa chegados a finais de século, polas primeiras producións de animación na cidade, para concluír no panorama actual ofrecido polo proxecto.

Para completar os contidos, e dentro desa intencionalidade profesional, incluíuse unha breve guía de boas prácticas destinada a clientes que pretendan contratar os servizos profesionais dos autores que recolle a guía.

Cada ficha de autor inclúe unha breve referencia biográfica, algunhas obras destacadas e premios recibidos, varias formas de contacto e dúas ilustracións de exemplo, escollidas polo propio ilustrador/a. Na parte superior, indícanse mediante símbolos as áreas en que traballa (ilustración en xeral, banda deseñada, animación ou humor gráfico).

A evolución do proxecto

A guía impresa foi obxecto dunha exposición entre abril e xuño de 2016 na Sala Municipal Salvador de Madariaga. Desde entón, a plataforma ten ido aumentando o número de autores e autoras e ten desenvolvido anualmente unha morea de actividades destinadas a promocionar os artistas locais no panorama laboral; ofrece tamén ciclos formativos, charlas, conferencias e obradoiros sobre diferentes temas específicos de cada unha destas vertentes da ilustración gráfica.

Desde o primeiro momento, o proxecto pretende ser aberto, perdurable e completo, para que A Coruña sexa unha cidade pioneira en iniciativas deste perfil. Así, para aqueles ilustradores que por unha ou outra razón non puideron participar na primeira convocatoria e outros que puidesen ir sumándose, quedou aberta a posibilidade de unirse á versión dixital do proxecto, que naceu en novembro de 2017, cunha actualización da guía en formato PDF [8,93 MB] (e tamén traducida a inglés [8,89 MB]) e mais a versión web bilingüe de cada unha das fichas. Ademais da ampliación e versión en liña, o proxecto puxo en marcha, co obxectivo de ir centrándose en cada un dos diversos sectores que compoñen o panorama da ilustración, ciclos de actividades de tipo temático. Deste xeito, comezouse cun ciclo centrado no humor gráfico, baixo o título Desde Coruña con humor. A través dunha exposición sobre a obra de 18 ilustradores e ilustradoras (na Sala Municipal Salvador de Madariaga), o encontro «Humor gráfico con tetas» (dúas xornadas acerca de feminismo e humor gráfico, na Casa Museo Casares Quiroga, coa profesora María José Mosquera e as ilustradoras María Álvarez Hortas ‘Yupiyeyo’ e Xulia Pisón, incluíndo un obradoiro sobre humor gráfico en feminino), os «Obradoiros de Humor Inocente» impartidos por Alberto Guitián nas bibliotecas municipais e a «Xornada de Humor Inocente» (dúas conferencias e unha mesa redonda sobre humor, coa presenza de Siro, Manel Fontdevila, Santy Gutiérrez e Leandro Barea), no Centro Ágora [catálogo en formato PDF, 5,51 MB].

En novembro de 2019, o proxecto presentou un novo ciclo, Medicina gráfica, acerca da nova corrente científica que usa a banda deseñada como terapia e medio divulgativo sobre os temas relacionados coa saúde. As actividades decorreron na Domus, e reuniron autores que teñen feito traballos dentro desa corrente —Cristina Durán e Miguel Á. Giner Bou, Bea Lema, Luis Sendón e Santy Gutiérrez e mesmo algúns casos de autores que combinan a súa profesión como facultativos médicos coa de autores de cómic, caso de Mónica Lalanda ou o dúo creativo Yo, Doctor (Juan Sánchez-Verde e Guido Rodríguez de Lema Tapetado)— e mais algúns especialistas médicos con experiencia na utilización ou produción de obras deste xénero, como o psicólogo Juan Bonome ou o psiquiatra César Pereiro. Ademais, a Federación Galega de Dano Cerebral estreou unha curtametraxe de animación sobre o dano cerebral adquirido dirixida por Miguel Gallardo. Todo isto complementouse cunha exposición con obras de todos os autores presentes nas xornadas e mais unha escolma de títulos desta corrente da banda deseñada.

En novembro de 2020, abriuse a posibilidade aos autores e autoras de renovar as imaxes presentes nas súas fichas, cousa que fixeron 48 participantes, e engadíronse dez novos autores: o censo alcanzou os 101 nomes. Esta edición de Coruña Gráfica, marcada pola pandemia, obrigou a levar a cabo as actividades de forma virtual: o programa Treboada creativa online presentou clases maxistrais de varios ilustradores acerca de diversas disciplinas: a prensa diaria, a cargo de Santy Gutiérrez; a animación stop motion, a cargo de Tomás Conde e Virgina Curiá; a ilustración editorial, a cargo de Macus Romero;a banda deseñada, a cargo de Víctor Coyote. Por outra parte, a exposición virtual Grafismos da pandemia reuniu traballos de ilustración e animación realizados por autoras e autores coruñeses en relación coa crise da Covid-19 desde moi diferentes perspectivas.

As fotografías

As fotos deste proxecto foron realizadas ex profeso en varias sesións polo fotógrafo Alberte Peiteavel, sempre en instalacións municipais coruñesas de tipo cultural. Para a primeira edición da guía, en outubro de 2015, as fotos tomáronse na Fundación Luís Seoane (Cristo Aleister, María Álvarez ‘Yupiyeyo’, Carlos Arrojo, Txema Mora, Uxía Pin, David Pintor), o Centro Ágora (Marcos Calo, Lucía Cobo, Virginia Curiá e Tomás Conde, Santy Gutiérrez, Emma Ríos, Alberto Taracido), o Fórum Metropolitano (Marta Álvarez, Xosé Cobas, Alberto Guitián), Palexco (Guillermo Arias, Rebeca V. Bernardo ‘Perdivel’, Brais Rodríguez, Sekone, Diego Sendón), a Casa das Ciencias (Marcos B, Álvaro López, Irene Sanjuán Quijada), a Casa Museo Casares Quiroga (Diego Blanco, Gairah Praskovia, Luis Usón), a Casa Museo Pablo Picasso (Aurora Cascudo Román, Iria do Castelo, Paula Mayor, Roberto M. Soler), a Casa Museo María Pita (Yago GR, Dani Montero, Javi Montes, Jorge Peral), a Biblioteca do Castrillón (Fernando Castro, Iria Fafián, Luis Sendón, Josiño Souto Santé), a Biblioteca de Monte Alto (José Domingo, Roi Paz, Pinturero, Xulia Pisón, Martín Romero), a Biblioteca de Estudos Locais (Paula Esteban, Rubén Mariño, Borja López Cotelo e María Olmo Béjar [El Primo Ramón]), a Biblioteca da Sagrada Familia (José Gimeno, Fernando Llorente, Roque Romero), a praza do Humor (Siro), o Museo Arqueolóxico (Sonia Corral, Manel Cráneo, Miguel Cuba, Talía García ‘Perrilla’, Carlos Rodil ‘Rodouyeha’), o Aquarium Finisterrae (Suso Cubeiro, Miguelanxo Prado, Marina Seoane) e a Domus (Jano, Calros Silvar, Alberto Vázquez).

Para a ampliación de 2017, Alberte Peiteavel efectuou novas sesións na Fundación Luís Seoane (Uxío Broullón, Alejandro Gaudino ‘El Gaudo’, Antón Lezcano, Pepe Mansilla, Álvaro Valiño, Manu Viqueira) e no Centro Ágora (A. Almau, Mateo Alvarellos, Cristina Ayala, Cristian F. Caruncho, Héctor Francesch, Juan David Guevara, Manuel Lariño, Bea Lema, Inés Vázquez).

Na actualización de 2020, as fotos tomáronse no Centro Ágora (Quique López, David Saborido, Fernando Mármol ‘Fenley’) e na Domus (David Fidalgo Omil, Diego Burdío, Pilar Marcó, Julio César Cerletti, Sol Mariño, Julia Lago, Leo Sousa).

Para a ampliación de 2017, Alberte Peiteavel efectuou novas sesións na Fundación Luís Seoane (Uxío Broullón, Gaudino, Antón Lezcano, Pepe Mansilla, Álvaro Valiño e Manu Viqueira) e no Centro Ágora (A. Almau, Mateo Alvarellos, Cristina Ayala, Cristian F. Caruncho, Héctor Francesch, Juan David Guevara, Manuel Lariño, Bea Lema, Oreli Pello e Inés Vázquez).