Vídeo sobre a mostra ‘A miña revista favorita’

26 Xan, 2022

Tags: banda deseñada, ilustración, historia da BD

Está xa dispoñible o vídeo sobre a exposición A miña revista favorita, que se puido visitar na Casa Museo Picasso da Coruña entre outubro e decembro do ano pasado. No vídeo, ademais de poder verse imaxes da exposición e todas e cada unha das portadas expostas, varios dos autores comentan por que escolleron a revista que elixiron para facer a súa homenaxe: Juanjo El Rápido, Toña Santolaya, Amelia Navarro, Laura Pérez Vernetti, Mar Ferrero, Borja Sumozas e Albertoyos.

A mostra foi outro dos proxectos impulsados pola plataforma Coruña Gráfica, e contou co comisariado de Manel Cráneo. O proxecto xurdiu no número 6 da revista La Residencia de Historietistas (da editorial Nuevo Nueve), que lles propuxo aos seus colaboradores facer unha homenaxe ilustrada a revistas de BD que fosen dalgunha forma influentes no medio, e tamén, dalgún xeito, neles mesmos. Esta exposición amosou todos eses traballos, e acompañounos de exemplares físicos desas revistas cun breve texto que contextualizaba e permitía botar luz sobre a historia do medio en España.

A nómina de autores, na que estaban varios premios nacionais e premios do Salón do Cómic de Barcelona, representaba un auténtico repaso a moi diferentes xeracións de influentes debuxantes de banda deseñada. A lista completa de revistas e autores foi: TBO, por Manolo Hidalgo; Chicos, por Juan Berrio; DDT, por Max; Pumby, por Toña Santolaya; El Capitán Trueno, por Sento; Tío Vivo, por Juanjo El Rápido; Trinca, por Javier Olivares; Lily, por Miguel Ángel Martín; Drácula, por Borja Sumozas; Vampirella, por José Luis Ágreda; 5 por Infinito, por Calo; The Spirit, por Laura Pérez Vernetti; Troya, por LPO (Luis Pérez Ortiz); Tótem, por Amelia Navarro; El Jueves, por Pablo Velarde; 1984, por Pedro Villarejo; Creepy, por Mar Ferrero; Bésame Mucho, por Fermín Solís; Métal Hurlant, por Josep Rural; Cairo, por Antonio Navarro; La Granada de Papel, por Joaquín López Cruces; Madriz, por Silvestre (Federico del Barrio); Zona 84, por Manel Cráneo; Más Madera, por Álex Fito; Guai!, por Jali; I.M.AJ.EN de Sevilla, por Fidel Martínez; Medios Revueltos, por Toño Benavides; Paté de Marrano, por Albertoyos; TOS, por Felipe H. Navarro; e Cthulhu, por Raquel Alzate.