Tags: ilustración, ilustración coruñesa, animación, animación coruñesa
O vindeiro xoves, 16 de decembro, ás 19:30, inaugúrase a mostra Olladas da animación coruñesa, producida por Coruña Gráfica en colaboración co Festival Animacción. Trátase dunha escolma de traballos do panorama autoral dedicado ao cinema de animación no ámbito coruñés. A selección inclúe diversos traballos de dirección artística realizados para diferentes tipos de producións, que van desde os videoclips ata as longametraxes, pasando polos videoxogos e as apps.
Forman a selección Laura Blanco e Juan Carlos Pena, Urban Breznik, Iria Cabrera, Marcos Calo, Fernando Cortizo, Manel Cráneo, Virginia Curiá e Tomás Conde (Algarabía), José Domingo, David Fidalgo, Gael Lendoiro, Dani Montero, Jorge Peral, Miguelanxo Prado, Martín Romero, David Saborido, Alberto Taracido e Luis Yang.
Todos eles practican disciplinas da animación como stop motion, 2D e 3D, e suman excelentes traxectorias e múltiples premios polas súas producións, moitas delas internacionais.
A mostra terá lugar na Casa Museo Picasso, espazo en que a plataforma Coruña Gráfica ten desenvolvido desde agosto deste ano diversas exposicións dedicadas ao mundo da ilustración e as súas diversas vertentes, grazas á colaboración do Concello da Coruña.
Durante o acto inaugural, que contará coa presenza de parte dos artistas, o Festival Animacción entregará os tres premios do seu concurso infantil de carteis. Os premios serán unha tablet e diversos lotes de libros de banda deseñada, achegados por Gadisa e Demo Editorial, respectivamente. O xurado do concurso estivo formado por Mar Vieites, animadora e autora do cartel desta edición do festival; Luis Sendón, ilustrador e deseñador gráfico, e Manel Cráneo, editor e autor multidisciplinar.
A sala albergará un espazo para a mostra das máis de 150 obras participantes. O certame supón unha oportunidade para fomentar a profesión artística entre as novas xeracións.
A entrada ao acto é libre ata completar a capacidade da sala.
A oferta expositiva completarase con varios obradoiros que se levarán a cabo tamén na Casa Museo Picasso ata febreiro. O primeiro deles será «Taller de xoguetes pre-cinematográficos», impartido polo colectivo Ánimas Anónimas, e decorrerá este sábado, día 18, entre as 12:00 e as 13:30, cunha capacidade de 12 prazas, para participantes maiores de 16 anos. As inscricións son gratuítas e poden facerse no correo info@demoeditorial.com