Tags: ilustración, ilustración coruñesa, banda deseñada, humor gráfico, animación
Coruña Gráfica, censo e directorio de profesionais da ilustración gráfica no ámbito metropolitano da Coruña, cumpre 5 anos, e axiña presentará nova programación para celebralo. Este ano, por motivos de seguridade, conxelamos a programación que tiñamos prevista desde primeiros de ano, para adaptarnos á actual situación, e programamos o 100% das actividades en liña.
A edición, promovida por Demo Editorial, está producida un ano máis en colaboración co Concello da Coruña.
Estas son as liñas de actividades previstas: o programa Treboada creativa online, a actualización do directorio web de autores gráficos coruñeses, o programa Autores en rede e mais a exposición virtual O grafismo da pandemia.
Treboada creativa online é un ciclo de charlas-obradoiro en formato vídeo que se emitirán por capítulos a través da canle de Youtube de Coruña Gráfica e que nos permitirán entrar nos estudios de varios ilustradores dedicados a diferentes ámbitos profesionais: como en todas as actividades de Coruña Gráfica, con especial atención aos creativos locais, pero tamén cunha ollada a convidados de fóra da Coruña. Deste xeito, entramos nos estudios de Macús Romero (ilustración editorial, no estudio Baobab) Santy Gutiérrez (humor gráfico, no estudio Baobab), Tomás Conde e Virginia Curiá (animación stop motion, no estudio Algarabía Animación) e Víctor Coyote (banda deseñada) para descubrir, da man dos propios artistas, os procesos técnicos de creación, as súas ferramentas e os seus sistemas de traballo. O primeiro deses capítulos, con Algarabía Animación, publicarase hoxe mesmo.
Actualizamos o noso directorio de profesionais vinculados á cidade da Coruña e a súa zona de influencia incorporando ademais novos autores e autoras, e difundirémolos, un por un, a través das redes de Coruña Gráfica. E en decembro poremos en marcha a exposición virtual O grafismo da pandemia, unha mostra en liña de traballos de autores locais relacionados —desde múltiples perspectivas— coa crise da Covid-19.
En breve, toda a información ao respecto, aquí e nas nosas páxinas en Facebook e Instagram.