Tags: ilustración, ilustración coruñesa, banda deseñada, BD e saúde, exposición, mesas redondas, charlas,
A Domus acolle do 6 ao 8 de novembro, dentro do proxecto Coruña Gráfica, o ciclo de actividades sobre banda deseñada e saúde Medicina Gráfica. O ciclo inclúe proxeccións, mesas de debate, unha exposición, un obradoiro e a publicación dun libro, e centra a súa mirada nunha nova corrente científica que usa a banda deseñada como terapia e medio divulgativo para ilustrar sobre os temas relacionados coa saúde, dirixido tanto aos profesionais sanitarios como aos doentes.
Coa intención de estar sempre na vangarda e cos ollos abertos ás novas tendencias profesionais da ilustración, a proposta de Coruña Gráfica en 2019 procura afondar neste novo camiño da medicina gráfica cunha escolma de dez convidados que compartirán a súa experiencia.
As actividades reunirán autores que teñen feito traballos enmarcables dentro da corrente da medicina gráfica —como o tándem conformado polos valencianos Cristina Durán e Miguel Á. Giner Bou, os coruñeses Bea Lema, Luis Sendón e Santy Gutiérrez e mesmo algúns casos de autores que combinan a súa profesión como facultativos médicos coa de autores de cómic, caso da zaragozana Mónica Lalanda ou o bilbaíno Juan Sánchez-Verde, membro do dúo creativo Yo, Doctor— e mais algúns especialistas médicos con experiencia na utilización ou a produción de obras deste xénero, como o psicólogo Juan Bonome ou o psiquiatra César Pereiro.
Ademais, a Federación Galega de Dano Cerebral estreará a curtametraxe de animación O mundo púxose ao revés. Historias sobre o dano cerebral adquirido, dirixida por Miguel Gallardo, ben coñecido pola súa obra María y yo.
A exposición Medicina Gráfica, con obras de todos os autores presentes nas xornadas e mais unha escolma de títulos desta corrente da banda deseñada, pode verse desde hoxe, de forma gratuíta, na entrada da Domus.
Este é o programa:
Mércores 6 de novembro:
18:30 Presentación das xornadas
18:45 Medicina e banda deseñada, con Mónica Lalanda. Achegamento ao concepto de Medicina Gráfica a cargo da especialista pioneira neste campo en España. Radiografía do panorama de novela gráfica e cómics relacionados coa saúde e a súa importancia a nivel educativo e divulgativo.
19:45 Con-ciencia médica. Mesa redonda con César Pereiro, Mónica Lalanda e Juan Sánchez-Verde. Modera: Manel Cráneo. Especialistas en psiquiatría, medicina xeral e urxencias falan da súa experiencia coa banda deseñada como medio de comunicación e divulgación.
Xoves 7 de novembro:
18:30 Divulgación médica en banda deseñada, con Santy Gutiérrez e Luis Sendón. Charla deste tándem de autores de dúas BD divulgativas, unha sobre consumo de cánnabis e outra sobre esquizofrenia.
19:30 O mundo púxose ao revés. Historias sobre o dano cerebral adquirido, con Begoña Hermida, directora de FEGADACE. Presentación da curtametraxe de animación de Miguel Gallardo realizada para a Federación Galega de Dano Cerebral e proxección de varias curtas do mesmo autor sobre saúde mental.
20:00 Una posibilidad entre mil, con Cristina Durán e Miguel Á. Giner Bou. O proceso de realización e a odisea vital da novela gráfica na que contan a historia da súa propia filla, que sufriu graves danos cerebrais na fase de posparto.
Venres 8 de novembro:
11:00 Banda deseñada entre batas e goteiros. Obradoiro de guión dirixido por Miguel Ángel Giner Bou no laboratorio da Domus. Sesión práctica de 150 minutos para aprender a facer un guión partindo da experiencia que ten neste campo o autor. Para participar hai que inscribirse previamente no formulario electrónico https://forms.gle/DnjDtx9FWm75GvEK9.
18:00 Saúde mental, unha experiencia persoal en banda deseñada, con Bea Lema, autora de O corpo de Cristo, obra gañadora do Premio Castelao de Banda Deseñada 2018, da Deputación da Coruña. A obra trata sobre as doenzas mentais, un tema que aínda resulta un tabú na sociedade.
19:00 Faladoiro: BD e saúde mental, con Cristina Durán e Bea Lema, moderadas por Juan Bonome. Conversa sobre a fraxilidade da mente e a BD como terapia.
19:45 El club de las batas blancas, de Yo, doctor, con Juan Sánchez-Verde. As experiencias dos médicos de urxencias contadas sen censura nunha novela gráfica, desde a visión persoal de dous profesionais en primeira persoa.
A entrada ás actividades é libre ata completar a capacidade da sala, agás no caso do obradoiro do venres 8, que precisa inscrición previa.
O programa pode descargarse tamén en formato PDF desde esta ligazón.
O ciclo está organizado por Coruña Gráfica, coa colaboración dos Museos Científicos – Concello da Coruña. Coruña Gráfica é un proxecto de Demo Editorial desenvolvido co apoio do Concello da Coruña que supón un censo representativo do panorama da ilustración na Coruña e a súa área metropolitana e un escaparate promocional dos autores e autoras.