No Centro Cultural Salvador de Madariaga

Últimos días para visitar ‘Desde Coruña con humor’

O día 31 de xaneiro pecha a mostra de humor gráfico coruñés

26 Xan, 2018

Tags: ilustración coruñesa, humor gráfico, exposición

Cartel de Desde Coruña con humor

A exposición Desde Coruña con humor, que foi inaugurada o pasado 30 de novembro no Centro Cultural Salvador de Madariaga (rúa Durán Loriga, 10, 15003 A Coruña), clausurarase o próximo mércores, 31 de xaneiro. 

A mostra recolle a obra de 18 participantes —Manel Cráneo, Miguel Cuba, Guitián, Santy Gutiérrez, Jano, Antón Lezcano, Pepe Mansilla, Roberto Martínez Soler, Pinto e Chinto, Xulia Pisón, El Primo Ramón, Rodouyeha, Martín Romero, Calros Sivar, Siro, Josiño Souto Santé, Álvaro Valiño e Yupiyeyo—, que pertencen a moi diferentes xeracións e practican todo tipo de modalidades de ilustración humorística e toda clase de temáticas.

Desde Coruña con humor é unha exposición integrada no proxecto Coruña Gráfica, que promoven o Concello da Coruña e a Deputación da Coruña, e estivo acompañada dun programa paralelo de actividades, como as xornadas sobre humor gráfico en feminino «Humor con tetas», a «Xornada de humor inocente» (conformada por conferencias e unha mesa redonda sobre o humor gráfico) e obradoiros infantís e xuvenís.