Anos 90: a animación comeza a animarse na Coruña

Carlos Amil

30 Out, 2017

Tags: animación, imaxe cinematográfica, audiovisual galego, Escola de Imaxe e Son, formación

’Minotauromaquia’, de Juan Pablo Etcheverry (IB Cinema)

A Coruña é unha cidade pioneira no que atinxe á imaxe cinematográfica, tanto a nivel español como a nivel galego. Aínda hoxe en día segue a acoller as máis importantes empresas do audiovisual galego, así como os máis senlleiros autores e artistas das catro provincias galegas.

Coruña é outrosí canteira principal da animación galega, arestora pola implantación dun ciclo superior na Escola de Imaxe e Son. Precisamente nesta escola xermolaron as primeiras sementes independentes hai algo máis de vinte anos. Lhosca Arias foi o primeiro en propor un proxecto de fin de curso arredor da animación, nun xesto espontáneo, pois daquela non existía esa formación nin aquí nin en parte ningunha de Galicia. Así naceu Lumi no ano 1994. Despois, Lhosca comezou unha pequena serie, O Carrabouxo, baseada no personaxe da viñeta do xornal La Región, de 26 episodios dun minuto de duración. Outro traballo salientábel daquela época é Alegrías de Puerta Tierra, tamén de 1994, da gaditana Virginia Curiá e o coruñés Tomás Conde, que formarían a produtora Algarabía, de longa e frutífera traxectoria no terreo da stop motion, animando pacentemente cadro a cadro todo un mundo de historias propias ou de clásicos galegos como Manuel Murguía, Ánxel Fole, Cunqueiro, Avilés de Taramancos etcétera, e agora a piques de estrear a súa primeira longametraxe. A partir de aquí a animación coruñesa medrou ata situarse no cumio da animación española, cunha produtora como Dygra gañando premios Goya con case cada unha das súas producións de longametraxe, grazas ao talento e esforzo de xente como Ángel de la Cruz, David Rubín, Juan Galiñanes ou Manolo Gómez como cabezas visíbeis dunha tropa chea de talento. Outros autores salientábeis son Juan Pablo Etcheverry, quen dirixiu a premiadísima curta de stop motion Minotauromaquia, sobre o mundo de Pablo Picasso, producida por IB Cinema, do fanático e coleccionista de animación Ignacio Benedeti, figura chave na animación coruñesa.

Esquezo nomes e producións merecedoras de figurar aquí, pero o pouco espazo obriga a unha selección. Esta é a miña. Outros farán outras seleccións, tan boas ou mellores ca esta. É o que ten a excelencia nun eido tan particular: a animación anima e anímase.